Fondo cabecera Concello de Meira

Festa da Malla de Meira

Festa da Malla na actualidade

Este estival traballo e a tradición de se xuntaren os veciños para botar unha man e facer festa, motivou a actual celebración da Festa da Malla en Meira. Para manter un recordo vivo dunha cultura e dun patrimonio que queremos que perdure no tempo, seguir mantendo a tradición popular e que continúe enriquecendo ás novas xeracións.

Aínda que a día de hoxe estas labores agrícolas están moi mecanizadas, seguimos tendo a mesma materia prima: a terra e o gran da semente; e o mesmo obxectivo: a obtención de forraxe para os animais e de gran para facer fariña.

Fai anos, unha cuadrilla de cazadores, decidiu botar trigo nunha finca dun deles no monte, porque estaba a minguar o número de pezas de perdices, debido a que non tiñan alimento e cada ano escaseaban máis. Consideraron que desta maneira, as perdices terían un bo sustento e volvería a incrementarse a cría destes animais. Pero unha vez que o trigo estaba maduro e a palla era boa, preguntáronse que facer con el. Un deles, veciño da vila de Meira, tiña unha vella degranadora e un motor de gasolina, polo que propuxo mallalo e así aproveitala palla e o gran para a semente. Así o fixeron.

A súa sorpresa foi que desde que todo estivo arranxado e a acenderon, comezaron a chegar veciños motivados pola curiosidade ó recoñecer o son que estes motores producen e que servía de reclamo para avisar ó pobo de que se ía comezar a mallar.

Entre amigos e veciños fixeron que esta maquinaria volvese prestar o servizo de anos atrás, mallando a facenda de trigo que tiñan segada.

Despois desta sorprendente xornada de traballo e comentando o interese que espertara esta maquinaria que se cría obsoleta, acordaron que ó ano seguinte poderían poñela na praza maior da Vila para que todos os veciños puideran vela en funcionamento.

Se na primeira vez que puxeron a funcionar a degranadora e o motor, a cantidade de veciños que acudiron interesados por aquel peculiar son foi sorprendente, nesta segunda ocasión a afluencia de xente foi impresionante. A noticia propagárase polos pobos e vilas veciñas sen ter feito ningún tipo de publicidade, soamente movidos pola curiosidade de ver de novo as máquinas de antano en funcionamento.

A partir desa segunda edición, decidiuse facer unha festa máis completa: traer música, máis máquinas e un facer un xantar tradicional. Entre os compañeiros de caza do propietario das máquinas, que emprestaron unha leira para poder cultivalo e axudaban nos traballos da terra, semente do trigo e sega, e a colaboración do Concello, conseguiron facer unha nova edición desta celebración na que se incluía a degranadora, o motor e unha limpadora. Conseguiron tamén emprestados un carro de madeira e unhas vacas teixas para levar o trigo á praza, onde procederon a facer a meda que máis tarde decaería pouco a pouco para dar paso ó palleiro. O gran era levado polas mulleres desde a degranadora á limpadora en cestas de talas ou en tegos, e logo da limpadora dábaselle un repaso ó gran no cribo para posteriormente gardalo en sacos.

Por outra banda, encargaron unhas cachuchas e uns chourizos cocidos, viño e pan e fixeron uns bolos para dispoñer o xantar. A xente sentábase baixo a alameda da empedrada e servíanse eles mesmos; pero a previsión feita quedouse curta, posto que de ano en ano o número de visitantes aumentaba considerablemente.

Conseguiron tamén que uns amigos que tiñan un grupiño de música acudiran a amenizar a festa, e así, á noitiña, logo de rematar o traballo, bailaron todos na praza ata que as cancións comezaron a saír das súas gorxas sen necesidade de música nin instrumentos, ó igual que tiñan feito corenta ou cincuenta anos antes cando algúns eran mozos e outros aínda eran nenos.

Así, desde o ano 1992 que comezou esta festa por casualidade ata a actualidade, esta peculiar celebración foi medrando en número de asistentes e tamén variando o seu contido, pero respectando sempre a esencia e a tradición.

Agora a festa está organizada polos integrantes da Asociación “Amigos da Malla de Meira” que vela pola conservación e continuidade da mesma, axudados polos veciños dispostos a botar unha man e polos empresarios, comercios, Concello e demais administracións.

A elaboración dos pratos para xantar é artesanal, posto que os veciños e integrantes da asociación son os encargados de cociñar e compoñer os alimentos nos pratos e repartilos xunto co pan e o viño. Fan e distribúen bolos entre os asistentes e elaboran a queimada que se serve pola noite e que axuda a escorrentar o frío nas noitiñas frescas do final de agosto. Cada ano, a Festa da Malla varía incluíndo mostras de motores de malladoras e maquinaria antiga, artesanía, ou calquera outra actividade de lecer, ademais de encher o día de distintas actuacións musicais.

A Asociación naceu en febreiro de 2005 e encargouse da organización da Festa desde entón. A día de hoxe está composta por 21 socios, dos cales 4 son vocais, 1 tesoureira, 1 secretaria, 1 vicepresidente e 1 presidente.

Sempre está aberta a incorporación de novos socios que queiran axudar a sacar esta celebración adiante, posto que é unha tarefa moi laboriosa e implica empregar varios días completos na súa organización.

É complicado que a xente estea disposta a sacar a festa adiante, posto que a maioría das persoas están de vacacións nesas datas, e resulta difícil atopar voluntarios que queiran modificar os seus días de descanso por días de moito traballo, e máis se temos en conta que non está remunerado. O único proveito que se saca é ver que a festa saíu ben, que ós asistentes lles gustou e que un ano máis se puido conservar esta tradición.

Por ese motivo se loitou tratando de cumprir os requisitos e condicións que impuñan para declarala “Festa de Interese Turístico de Galicia”; para que se recoñeza o seu valor e para tratar de que se manteña no tempo como patrimonio cultural que herdamos e que nos pertence a todos.

Imaxes

Cartel da Festa da Malla 2008 Foto antiga dunha malla

Ver máis imaxes

Información sobre el documento

Concello de Meira
Concello de Meira
Plaza do Concello s/n – 27240 Meira - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 330 102 | Fax: 982 104 090
E-mail: consultas@concellodemeira.com