Fondo cabecera Concello de Meira

Xira campestre de Meira

Imaxe dunha edición da Xira de Meira

A Xira Campestre en Meira realízase o 17 de agosto, como colofón final das festas parroquias que comezan, normalmente o día 14, continúan o 15 co día da patroa, Santa María, o 16 o patrón, San Roque, e finalmente este día 17 a Xira.

Esta é unha tradición centenaria que aínda se conserva. Hai anos, eran moito máis frecuentes estas comidas campestres do que o son a día de hoxe. Practicamente en todas as parroquias se celebraba a festa do patrón desta maneira. Poucas son xa as vilas que aínda manteñen esta costume no seu contexto orixinal, pero ben é certo que a xuventude agradece este tipo de xuntanzas e contribúe á conservación do patrimonio etnográfico e cultural.

A día de hoxe, a xuntanza celébrase no lugar de “O Porto da Pena”, a carón do Río Miño, entre prados e carballeiras.

Os veciños da vila desprázanse ata alí xunto cos seus convidados para desfrutar dunha xornada de verán ó aire libre.

Algúns optan por facer un churrasco alí mesmo, mais a gran maioría, leva o xantar disposto da casa. O máis usual é compoñer o menú de entremeses, ensaladilla, empanada, tortilla, carne asada, pimentos asados, lacón asado, costelas asadas, raxo, etc. En xeral, calquera cousa un pouco sólida, que non esparexa con facilidade, que se poida cociñar pola mañá ou o día anterior, que resulte cómodo para servir na mesa ou sobre as mantas que se poñen no chan para sentarse a xente e que se poida comer frío.

A tarde descorre amena a carón do río, falando, botando partidas ás cartas, algún que dorme a sesta, bailando coas charangas que alegran a xornada e con xogos populares que nos enredan e divirten a todos: carreiras de sacos, de tres pés, lanzamento de olas e/ou de ovos, xogos de relevos, atopar tesouros agochados e un longo etcétera.

A parte de todos estes xogos (onde se un é un pouco precavido levará roupa para se cambiar, por se acaso), débese ter sempre en conta que se está a xantar á carón dun río, polo tanto, en calquera momento, un pódese atopar involucrado nunha batalla de auga, onde o único obxectivo é que os demais non vaian máis secos ca un mesmo. Trátase de respectar á xente que non quere participar ou ser mollada, pero tendo en conta que na guerra todo vale, cando se corre polo medio das merendas tratando de escapar ou perseguir a outra persoa, resulta moi probable que alguén acabe salpicado e se queira vingar.

Á parte desta actividade propia de calquera día de troula, a tarde transcorre tranquila, falando, visitando ós veciños nas súas respectivas merendas e acompañando a visita cun café.

Neste entorno todo o mundo é ben recibido, sexa ou non do Concello. Só hai que cumprir unha condición se un se quere establecer pola súa conta: respectar os espazos que están acoutados ou sinalizados, posto que hai xente que os vai marcar días antes para poder reunir a varias familias relacionadas nunha mesma zona e, ás veces, tamén por tradición e costume, pois todos os que van á Xira saben onde atopar a merenda da persoa que buscan.

A xente pasa todo o día na carballeira ata a noite. Algúns optan por recoller todas as súas cousas e levalas para a casa, cear e descansar un pouco para logo voltar á noite á festa. Pero tamén hai quen decide quedarse ata o último momento, cear alí ou incluso quedarse de acampada, porque o que está claro é que estamos de festa e mañá será outro día!

Imaxes

Imaxe dunha edición da Xira de Meira Imaxe dunha edición da Xira de Meira 2

Ver máis imaxes

Información sobre el documento

Concello de Meira
Concello de Meira
Plaza do Concello s/n – 27240 Meira - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 330 102 | Fax: 982 104 090
E-mail: consultas@concellodemeira.com