Fondo cabecera Concello de Meira

Descrición do templo

Igrexa de Santa María de Meira, vista lateral

A igrexa ten planta de cruz latina, con tres naves no brazo maior, unha no cruceiro e con cinco capelas na cabeceira.

Cúbrese con bóveda de canón apuntado.

Ó igual que na maioría dos mosteiros cistercienses de Galicia, a fachada forma un ángulo recto co resto do mosteiro. Escasamente pode ter algo que sobresaia fóra da súa severidade característica cisterciense.

Desapareceron totalmente o claustro procesional, o mesmo que sucedeu coa fermosa sala capitular e de igual modo o resto das estancias. O único que se conserva intacto do mosteiro é a igrexa, que é a parte máis artística. É interesante porque conserva, máis ca ningunha outra de España, a pureza do císter borgoñón.

A fachada está dividida en 3 fragmentos verticais que se corresponden coas 3 naves. O fragmento central está, a súa vez, repartido en outras 2 zonas horizontais.

No 1º fragmento, ó norte, destaca na parte de abaixo, unha porta tapiada de pouca altura, que conducía ó interior da igrexa por medio do baptisterio.

No tramo central distínguense con facilidade as dúas zonas horizontais: a parte alta, onde chama a atención un grandioso rosetón con arcos radiais circunscritos e cristais de cores, que aporta unha gran luminosidade á nave central e a capela maior.

Na parte baixa desta fachada, aparecen dúas ventás estreitas ós lados, e xusto debaixo, unha magnífica porta baixo un tímpano liso é flanqueada por tres columnas embebidas en cada jamba, das que arrancan as arquivoltas que completan a súa decoración.

Nembargantes, a parte máis chamativa é a propia porta de madeira maciza e decorada con orixinais ferraxes do s.XIII. Sen dúbida, unha excepcional obra sen par, das que poucas podemos atopar ó longo da xeografía española.

Entre a amplísima variedade de formas, podemos atopar as seguintes imaxes zoomórficas: cans, serpes, cabezas de porco bravo, una cabeza de dragón e unha ra. Ademais tamén aparecen repetidamente flores de lis.

Pola contra, no fragmento que corresponde á nave sur, está a torre do reloxo e o campanario, do cal as campás obedecen unicamente ás sinais horarias.

No lateral desta mesma nave, vemos os restos dos arranques dos arcos do claustro, no medio de cada unión dos arcos cegos. Sobre estes, aparece outra porta tapiada, tamén de medio punto; neste caso serviría para dar acceso desde a parte alta do claustro, do corredor, ó interior do templo, concretamente ó coro alto, lugar correspondente ós conversos.

Ó final desta arquería aínda se conserva unha estancia cerrada de unión entre a parte baixa do claustro e a igrexa. Este era un acceso de uso exclusivo para os monxes. Da mesma exclusividade eran as dúas portas tapiadas que se distinguen na parede do cruceiro. A de abaixo correspondíalle á sacristía, e a de arriba, chamada de maitines por ser usada polos monxes para acceder desde o dormitorio ó templo para realizar este rezo.

No alto deste mesmo muro, observamos unha impresionante espadana composta por 3 campás: 2 á par e 1 superposta. A súa creación é posterior e de dimensións maiores ás habituais. O seu uso está destinado ós avisos: chamar á misa, anunciar defuntos...

Continuamos rodeando o templo e atopámonos coas capelas, das cales, catro son cadradas e iguais, e a central é máis grande e semicircular, decorada con bolas, follas, motivos xeométricos e unha cabeza de porco bravo (igual á da porta principal). As fiestras que lle aportan luz son abocinadas, estreitas e tamén de medio punto.

A capela central ten apegada unha estancia cadrada que a abarca completamente. A súa construción é posterior e recorre a parte traseira do ábside, situándose nela actualmente a sacristía.

Nesta zona da cabeceira, se nos situamos mirando cara á Serra, é dicir, ó nacente, vemos que á nosa man dereita existe aínda un tramo de muralla de pedra que cercaba parte do entorno monástico, polo menos nesta zona colindante co río.

Xa na parede norte da igrexa, atópase novamente unha porta na zona do cruceiro. Esta vez non foi tapiada, senón que dá acceso directo á igrexa; é a chamada porta dos mortos. A entrada componse dun arco de medio punto, portón de madeira maciza e unha portalexa pequena no mesmo portón. Ós lados acompáñana sendos pares de columnas con basas decoradas e ben conservadas. Na parte de arriba, hai unha gran ventá que ilumina esta parte do cruceiro.

Ó longo do muro de esta nave norte consérvanse unha serie de contrafortes embebidos na parede intercalándose con unhas ventás un pouco máis pequenas que a vista no cruceiro, pero maiores ás da nave sur. Na parte de arriba, hai outra serie de ventás que aumentan a luminosidade da nave central.

Ó final deste muro, atopámonos de novo fronte á fachada principal da igrexa e do resto do conxunto conservado, e que a día de hoxe se utiliza como casa reitoral, sede municipal e oficina de correos.

Dispoñémonos a acceder ó interior da igrexa.

Dentro da igrexa destaca a altura que esta alcanza e a claridade que entra polas fiestras, sobre todo polo rosetón.

Xusto sobre a entrada, e baixo o rosetón, está o coro, con armazón de madeira. A día de hoxe atópase retrasado 2 arcos, posto que o orixinal ocupaba un total de 4 arcos. Nas dúas pilastras seguintes, na 3ª e 4ª, aprécianse as marcas dos piares arrimados que faltan e sobre os que se sostiña o coro, así como o recorte do percorrido dos arcos faixóns que baixan desde o alto da bóveda de canón apuntado, e a súa traxectoria é máis curta cos demais.

Desta forma, a porta que aparece sobre o arco formeiro rebaixado, servía para acceder desde a parte alta do claustro ó coro alto anterior, lugar onde situábanse os conversos ou legos. A súa presencia no templo, ó igual que no resto do mosteiro, estaba independizada dos monxes.

A situación do gran rosetón non é arbitraria, como non o é ningún elemento que queiramos estudar, posto que todo ten un lugar e un porque. Neste caso o rosetón servía para iluminar a igrexa, sendo especialmente útil á última hora da tarde, no ocaso, para rezar as completas, último rezo do día.

No arco seguinte á porta de entrada ó coro, aprécianse con claridade as marcas onde estaba encaixada a rexa que separaba a parte baixa da igrexa ata onde podía entrar o pobo.

Parte de estas piedras, que forman os arcos e o propio muro, están marcadas por distintos sinais que identificaban ó canteiro que as traballaba, por exemplo: I, +, A, R, --, -- -- ... A máis repetida é I, que se atopa sobre todo no lado norte do cruceiro e nas capelas dese lado.

No fondo da nave norte, entre rexas, atópase o baptisterio. A porta que lle dá acceso desde o exterior do templo, actualmente está tapiada. Baixo a pía bautismal, valórase a posibilidade de que se ubique a piscina de inmersión. Desta maneira, a persoa non bautizada que quixese entrar a igrexa, tería que acceder por esta estancia, bautizarse e logo abriríase a rexa para unirse ó resto do pobo.

Nesta mesma nave do baptisterio, a media altura está situado o retábalo de Santiago. A imaxe central corresponde a Santiago ecuestre, e as laterais a San Roque á esquerda e a San Xosé á dereita (á cal lle falta a imaxe do neno no regazo).

Este retábalo é o máis antigo dos conservados na igrexa e pertence o século XV.

Ó final desta nave, apreciase no chan un enterramento con lápida esculpida e que pertence a Fray Anastasio Zepeda, monxe de Sobrado dos Monxes, que rematou os seus días no mosteiro de Meira en 1659. Este monxe estaba emparentado coa linaxe dos Zepeda de Ávila, con Santa Teresa de Jesús.

O outro enterramento que podemos observar, é o que se atopa arrimado ó muro norte do cruceiro e que pertence a Dona María de Bolaño, a cal está representada na efixie da súa tapa. Así mesmo, as imaxes labradas no lateral deste cadaleito fan referencia a clase á que pertencía esta familia por medio do escudo dos Bolaño -> Bolo + Año, e as representacións dos torreóns que tiñan en terras de Castroverde. Esta obra rematouse en 1543. Nunha inscrición da cabeceira, pódese ler “Aquí yace Don Pedro de Miranda y su mujer Doña Inés”, pais de María de Bolaño.

Neste muro do cruceiro, atópase a porta chamada “dos mortos”. O seu significado refírese a que nun tempo no que abundaban as solicitudes de enterramento na igrexa coas súas correspondentes doazóns, debido á imposibilidade física de continuar enterrando no templo por falta de espazo, procédese a bendicir unha parte do xardín regrar, ó cal accedíase por esta porta, facendo así o servizo de cemiterio.

A primeira capela que está pegada ó muro norte do cruceiro é a capela das Dores. Este retábalo divídese en 2 partes horizontais. A superior é posterior, e alberga unha imaxe de Santiago peregrín que non está ubicada no seu lugar orixinal. Na parte de abaixo, a imaxe central corresponde á Virxe das Dores, á dereita San Froilán e a esquerda San Atilano.

A seguinte capela, en fronte do enterramento de Fray Anastasio Zepeda, corresponde ó altar do Cristo o cal lle dá nome a toda a nave norte. Anteriormente nesta capela había un cristo crucificado moito máis grande. O cruceiro da cruz estaba encaixado na parede, nos dous tramos que faltan apoiando na parede leste da capela e albergando unha imaxe de Cristo a tamaño real. Debido a súa substracción modificouse o retábalo e instaláronse as imaxes que vemos hoxe en día.

Ó lado dereito desta capela, atópase o retábalo de San Benito, quen iniciou a reforma da igrexa, e que redactou a regla de rectitude e austeridade que posteriormente adoptaría San Bernardo como directrices do císter. Este é o motivo polo que se lles considera pais do císter a ámbolos dous. Na imaxe aparece acompañado dun corvo con un bolo de pan no peteiro (imaxes que o rodean: Santa Gertrudis e Santa Umbelina). Igual que San Benito identifícase coa vestimenta moura, San Bernardo fai o mesmo pero de branco, cor dos hábitos do císter.

A continuación está o altar maior, feito a medida e pertencente ó S. XVIII. Nel represéntase a ascesión da Virxe María, sendo observado o seu cadaleito con estupor polos 11 apóstolos na parte inferior, e esperada polo Pai e o Fillo rodeados de anxos na parte superior. No lateral esquerdo aparece de novo a imaxe de San Benito e, no dereito, San Bernardo.

Xusto debaixo de cada ventá hai unha porta pequena que comunica con un corredor circular o cal desemboca nunha estancia cadrada. Este foi feito como deambulatorio, coa idea de axuntarlle capelas arredor da ábsida central para completar os rezos diarios e aumentar os retábalos, seguindo a tendencia que se estendía cada vez máis rápido. Pero un novo abandono forzoso do mosteiro obrigou ós monxes a cerrar esta obra edificando a estancia que se conserva hoxe en día, para evitar que fora vítima do espolio.

A continuación, á dereita do altar maior, atópase o retábalo de San Bernardo e ó lado, a capela da Santa María de Meira, patroa da vila. É un retábalo do século XVII, dun estilo barroco moi recargado, con imaxes laterais de San Fernando e San Luís. Na parte superior do retábalo atópase unha imaxe da lactación de San Bernardo. A imaxe da virxe é unha imaxe vestida, con cara e mans de porcelana. A perruca é feita de pelo natural, donativo dunha freguesa. Non loce alfaias pero si unha coroa. Esta imaxe sae en procesión o 15 e 16 de agosto.

Esta capela está comunicada coa capela de San Xosé polo oco dunha ventá situada no muro medianeiro que as separa.

A estrutura do retábalo de San Xosé é igual ó da Virxe, coincidindo tamén na súa datación. É moi destacable a imaxe central de San Xosé co neno sentado no ombreiro esquerdo. É unha imaxe dun San Xosé moi xoven e con moito movemento e alegría. As imaxes laterais que complementan o retábalo pertencen, a da dereita a Sta. Flora e a da esquerda a San Valeriano. Na parte superior atópase a imaxe da Inmaculada Concepción.

Suxeito á parede sur do cruceiro sitúase un retábalo do século XVI no que se representa a lactación de San Bernardo. É a mesma imaxe que hai na capela de Sta. María. Na parte superior atópase a cada lado, de dereita a esquerda as esculturas de San Bernardo e San Benito respectivamente, e na parte inferior, unhas pinturas da vida cotiá da Virxe. Este retábalo estivo anteriormente no altar maior ata que se instalou o actual.

Está cubrindo dúas portas tapiadas: abaixo á esquerda a que daba á sacristía, e arriba á dereita a dos maitines.

Sobre este retábalo ábrense 3 fiestras abocinadas iguais as da nave principal.

A continuación, seguindo o muro sur, á esquerda atópase primeiramente a porta dos monxes, por onde estes accedían do claustro ó interior do templo, exceptuando á hora dos maitines.

O seguinte retábalo corresponde a San Antonio co neno na imaxe central, á dereita San Caetano e á esquerda San Sebastián. É un retábalo posterior ós vistos anteriormente. Exceptuando a San Antonio, nas outras dúas imaxes acentúase a desproporción das distintas partes do corpo, así como as 2 mans dereitas que ten San Caetano. Estas observacións xunto cos datos existentes de que os propios monxes ou legos acostumaban a colaborar nas construcións das propias igrexas, fainos pensar na posibilidade de que estas 2 imaxes pertenzan á fábrica dos propios monxes.

A última imaxe ubicada nesta nave corresponde á Virxe de Fátima. É unha doazón posterior, de finais do s. XX.

Seguida a esta figura, existe outra porta tapiada igual á dos monxes que hai ó principio da nave, pero esta correspondería ós legos, aínda que coa mesma función que a dos monxes. E tamén unha pequena porta pouco elevada que corresponde ó oco das pesas do reloxo.

E de novo atopamos a porta da entrada principal.

Imaxes

Porta principal da igrexa Interior da igrexa de Santa María de Meira

Ver máis imaxes

Información sobre el documento

Concello de Meira
Concello de Meira
Plaza do Concello s/n – 27240 Meira - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 330 102 | Fax: 982 104 090
E-mail: consultas@concellodemeira.com