Fondo cabecera Concello de Meira

Avelino Díaz

Avelino Díaz: Unha voz comprometida na Galicia emigrante
Autora: Marivel Freire Freire

Naceu Avelino Díaz y Díaz no seo dunha humilde familia campesiña, no lugar da Travesa (parroquia de Santa Comba de Órrea), no concello lucense de Riotorto, o 14 de novembro de 1897.

Ata os 10 anos viviu Avelino coa súa familia materna na Travesa, trasladándose no 1907 a Meira. Tres anos despois, en 1910, con tan só 12 anos, Avelino collerá o camiño da emigración cara a Bos Aires en compaña dun parente.

A formación do “poeta de Meira” antes de emigrar foi mínima, igual que outros nenos só podía asistir á escola cando chovía.

Nos seus poemas escritos xa na Arxentina reflexa que ademais de traballar adicoulle algún tempo a formarse ou en todo caso a ler todo aquilo que chegaba ás súas mans.

Tras unha estadía de 6 anos na capital bonaerense, empurrado pola saudade ou porque as cousas non lle ían de todo ben, aínda que xa gañara algún diñeiro, retornou a Meira en 1916. Nesta vila permanecerá catro anos adicándose a exercer, sen título oficial, de mestre en tres aldeas dos arredores e, segundo el ten confesado, indo ás segas a Castela.

Con 22 anos, en 1920, colle de novo o camiño das Américas, esta vez cara a Cuba.

En 1921 aséntase definitivamente en Bos Aires onde non tarda en casar cunha moza navarra, Felisa Iduriaga, chegando a te-lo matrimonio catro fillos e formando un fogar do que se sentirá sempre moi orgulloso.

A pesares do inmenso cariño que sentía pola Terra e pola nai, nunca máis voltou.

Na capital porteña, onde actualmente unha rúa leva un nome homónimo, morrería o 29 de marzo de 1971, no Sanatorio do Centro Galego, aos 73 anos de idade, case cego e enfermo de alzheimer.

Foi enterrado no Panteón do Centro Galego preto de Castelao e Ramón Suárez Picallo, dúas grandes personalidades a quen Avelino admirou profundamente.

Publicou Avelino en vida tres volumes poéticos, os dous primeiros ("Flor de retama" e "Debezos") en 1947, próximo a cumprir os 50 anos, e o terceiro ("Pallaregas") en 1963, con 65. Os tres son edición do autor, o que debeu supoñer un gran esforzo económico para un home que vivía e sostiña unha familia cun soldo non moi elevado de asalariado. Tanto "Flor de retama" coma "Debezos" foron moi ben acollidos pola crítica, sendo obxecto de numerosas recesións que responden, en boa medida, ó aprecio e popularidade da que gozaba na colectividade; "Pallaregas" pasou máis desapercibido, por ese entón xa andaba o noso autor un tanto apartado dos actos públicos debido ós achaques da súa precaria saúde.

Fonte: "Avelino Díaz: Unha voz comprometida na Galicia emigrante"

Autora: Marivel Freire Freire

Edita: Brigadas en defensa do Patrimonio Chairego

Contidos relacionados

Información sobre el documento

Concello de Meira
Concello de Meira
Plaza do Concello s/n – 27240 Meira - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 330 102 | Fax: 982 104 090
E-mail: consultas@concellodemeira.com