Fondo cabecera Concello de Meira
Inicio » Turismo » Puntos de Interese » Rutas » Camiño de Santiago

Camiño de Santiago

Imaxe da catedral de Santiago

Ruta do Interior, por Meira a Lugo

Coincidindo coa primeira etapa da Ruta da Costa que partía de Ribadeo, sinálase a posibilidade de confluír en Mondoñedo polo tramo máis cara ao norte, é dicir por Arante e Lourenzá, ou polo traxecto que se dirixe a Trabada, Trapa e Santo Tomei. Seguindo este último, unha nova opción condúcenos a Vilarfernando onde iniciamos esta nova Ruta do Interior que pasa por Santiago de Abres, intérnanos tanxencialmente outra vez en Asturias e penetra de novo en Galicia seguindo o camiño paralelo ao Rego do Cairo ata alcanzar, primeiro, Saldoiriña e seguidamente Hervelle, Veigadapada e seguindo o curso do río Eo chegamos á Pontenova.

Continuamos por calquera de ambas as marxes do Eo ata chegar a Vilaxe. Desviámonos á dereita da N-640 ata Órrea, onde volve apartarse, subindo ata a Serra de Meira. Unha vez no denominado Monte de Louseiras a estrada volvese a superpoñer ao camiño e así seguirá ata Meira e ata chega a Chaín, lugar onde se desvía cara a San Andrés de Ferreiros para volver retomar a estrada preto de Torneiros, separarse en Campillo e pasar moi preto do castro e Museo de Viladonga, regresando ao asfalto en Ludrio desde onde segue o mesmo trazado por Mondriz, Duancos e Freinoval.

Desde alí, un ramal achéganos a Segade, próximo aos Lagos de Teixeiro, mentres outro segue recto, confluíndo ambos uns dous quilómetros antes de Vilachá desde onde seguiremos novamente o trazado da estrada por Vilachá, Albarello, Cimadevila e Castro ata chegar á igrexa de Castelo, antesala do barrio da Chanca onde conectaremos co chamado ?Camiño Primitivo?, e unha vez pasado a ponte do río Intre chegaremos a Lugo.

Desde a Capital, unha das alternativas oriéntase cara a Vilamaior de Negral e Augasantas, pero tamén podemos elixir outra ruta, máis cara ao Norte, que primeiro nos achega a Bocamaos e tras superar o río Miño pola Ponte de Hombreiro diríxenos a Friol e conéctanos en Sobrado (A Coruña) coa Ruta da Costa que parte de Ribadeo e continúa por Mondoñedo e Vilalba en dirección a Santiago.

Información sobre el documento

Concello de Meira
Concello de Meira
Plaza do Concello s/n – 27240 Meira - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 330 102 | Fax: 982 104 090
E-mail: consultas@concellodemeira.com