Fondo cabecera Concello de Meira
Inicio » Turismo » Puntos de Interese » Rutas » Ruta Miño-Eo

Ruta Miño-Eo

A ruta do Miño-Eo ten o seu quilómetro cero no Pedregal de Irimia, nacemento do río Miño.

Neste punto dá comezo unha viaxe de 17 quilómetros e medio, que discorrerá por ambas ladeiras da Serra de Meira, podendo gozar dunha paisaxe incomparable e abraiante.

Comeza subindo o Pedregal pola súa marxe dereita ata chegar ao alto da Serra “O Parapeto” onde a altitude é de 892 metros. Desde este punto as vistas son moi boas posto que é o punto máis alto e podemos observar a gran diferenza existente entre as dúas ladeiras da Serra. Polo lado leste ou do nacente, vemos toda a Ribeira de Piquín, parte do Concello de Riotorto, A Fonsagrada, a Serra do Muradal e por detrás da Fonsagrada, Os Ancares, que dependendo da época do ano poderemos ver cubertos por unha capa de neve.

Cara ó sur vemos parte do Concello de Pol e Baleira, a Serra de Caraño, Castro de Rei, o Castro de Viladonga e ó fondo a cidade de Lugo.

Do lado oeste ou do poñente, veremos o Val de Meira, A Pastoriza, Castro de Rei, Cospeito, Vilalba, Xermade, a Serra do Xistral, a Serra da Gañidoira e ó fondo As Pontes de García Rodríguez, que se identifican con claridade pola cheminea da súa central térmica que emprega o carbón como combustible.

Cara ó norte, na dirección que levamos, vemos o Concello de Pastoriza e parte do de Mondoñedo, a Cruz da Cancela, Lourenzá, Riotorto, A Pontenova e se o día está despexado poderemos ver a costa lucense. É sinxelo recoñecer Foz polos altos edificios que alí se ubican.

Sen dúbida, un mirador incomparable para poder observar parte da xeografía galega.

Continúa a senda polo alto da serra a carón do parque eólico e deixando á nosa esquerda a Pena Gaiada, unha rocha moi singular e representativa da vila meirega. Seguimos e observamos a flora e a fauna deste entorno, atopando con facilidade animais salvaxes como son os cabalos e vacas do monte. Se temos sorte e somos silandeiros quizais vexamos algún esquío, raposos, corzos, lebres, porcos bravos e aves de todo tipo como perdices, arceas, lamagueiros, corvos ou pegas entre outros moitos.

A riqueza paisaxística é un ben que nos pertence a todos e para poder desfrutala debemos coidala e respectala para que nada cambie.

A continuación e seguindo os sinais que nos indican o camiño correcto, comeza a nosa baixada pola ladeira leste da Serra pasando pola aldea de Espido e seguindo na dirección cara ó Río Eo, límite natural entre o Concello de Meira e o de Ribeira de Piquín.

Nesta mesma dirección e continuando o descenso chegaremos á ansiada Mexadoira; salto de auga de aproximadamente 15 metros de altura que se atopa no chamado Rego de Murias. O descenso ata este lugar é complicado e require especial coidado e atención, pero chegar ata el realmente merece a pena. Este remanso de paz é sen dúbida un bo lugar para tomar folgos e descansar un chisco antes de continuar a ruta, pois ata este punto e desde o seu comezo lévanse percorridos oito quilómetros, e aínda resta un bo treito.

Deixamos atrás a Mexadoira e continuamos camiño da Treita onde atoparemos o salmoneiro Río Eo. Para iso cruzaremos outra aldea, neste caso A Corota e a dous kilómetros dela chegamos á Treita, situada xusto á carón do Río Eo. Aquí está situada unha central eléctrica que aproveita a forza da auga para producir enerxía. Chegamos pois ao ansiado Río Eo. Río troiteiro e de abundancia de salmóns, aínda que cada vez menos debido as presas e en definitiva ás accións do home que alteran a súa vida e tránsito natural.

Ata esta parada no camiño levamos percorridos doce quilómetros e medio e estamos no punto máis baixo en altitude de toda a ruta, a uns 125 metros; polo que os cinco quilómetros restantes serán de subida.

Saímos da Treita e camiñamos paralelos ao Río Eo levándoo á nosa esquerda e en dirección sur. A pouca distancia chegamos á aldea de O Piñeiro, punto quilométrico 14.1. Non pasaremos entre as casas, senón que quedará á nosa esquerda e cruzaremos a estrada que vén de Meira para continuar o ascenso por xunto á “Escola do Piñeiro” (antiga escola de aldea que ao quedar en desuso, o Concello decidiu rehabilitala para convertela en telecentro e local social. Trátase dunha construción en pedra e de dúas alturas que reflexa a arquitectura tradicional da zona).

Deixamos atrás a escola e continuamos subindo pasando á beira do depósito de auga que abastece a aldea que acabamos de abandonar, O Piñeiro.

A medio camiño deste ascenso, nos Quintos, punto quilométrico 16.2, podemos observar unha marabillosa paisaxe do Concello da Ribeira de Piquín, cunha variedade amplísima en canto á flora: carballos, castiñeiros, bidueiros, nogueiras, cerdeiras, piñeiros, salgueiros, teixos, acevos, e un longo etcétera que nos permitirá gozar das distintas tonalidades da cor verde que prevalece.

A un quilómetro de distancia desde Os Quintos temos xa O Estreito, onde está o punto final desta ruta, posto que alí remata o sendeiro e comeza a estrada asfaltada que nos leva polo Alto da Serra e O Pedregal de volta a Meira.

Vídeo

Imaxes

Indicador de madeira na Ruta Miño - Eo Cascada da Mexadoira

Ver máis imaxes

Información sobre el documento

Concello de Meira
Concello de Meira
Plaza do Concello s/n – 27240 Meira - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 330 102 | Fax: 982 104 090
E-mail: consultas@concellodemeira.com