Fondo cabecera Concello de Meira
Inicio » Turismo » Puntos de Interese » Rutas » Reserva da Biosfera "Terras do Miño"

Reserva da Biosfera "Terras do Miño"

A Reserva da Biosfera "Terras do Miño" esténdese pola conca alta do río Miño, na provincia de Lugo e comprende os territorios pertencentes aos Concellos de Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.

Abarca toda a conca alta desde o seu nacemento no Pedregal de Irimia (Meira) ata o sur da cidade amurallada de Lugo, pero tamén interesantes cordais montañosos como a Serra do Xistral, numerosos afluentes (Parga, Ladra, Támoga...) e os humidais da Terra Chá como a Lagoa de Cospeito ou Lagoa do Rei.

Comprende o corenta por cento da totalidade da provincia de Lugo e conforma a segunda Reserva da Biosfera en extensión de España. Ao que hai que incluír os 160.000 habitantes que nela viven e para os cales esta declaración da UNESCO pretende fomentar un desenvolvemento económico que sexa cultural e ecoloxicamente sostible.

Os principais enlaces viarios de leste a oeste son a autovía A-6 e a nacional N-VIN; de norte a sur, a nacional N-640.

Ríos e montaña, Miño e Xistral, son o núcleo onde se atesouran os ecosistemas máis valiosos: ribeiras e turbeiras, respectivamente. Paisaxes de auga. De auga por todas partes están feitas as insuas, illas de río dentro. De auga en nubes aliméntanse as turbeiras das serras.

Nas zonas de transición onde se concentra a poboación, as actividades agrarias harmonizan a paisaxe de verde permanente e estampas campesiñas nas que destaca a raza bovina autóctona de loura galega.

A Terra Chá, ademais dun pobo aquí e outro alá como escribiu o seu poeta Manuel María, é un horizonte prolongado de suaves praderías, carballeiras e outras fragas que delatan o curso dos ríos.

FLORA: Carballeiras ( Quercus pyrenaica e Quercus robur); bosques aluviais de alisios e bidueiros (Alnus glutinosa e Betulo-Molinietum); matogueiras húmidas (Ulex europaeus, Cytissus ingramii); redutos de turbeiras altas (E. tetralix, Sphagnum e Cladium mariscus) e vexetación acuática.

FAUNA: Bioindicadores da saúde dos ecosistemas fluviais como a lontra ( Lutra lutra) e o mexillón de río ( Margaritifera margaritifera). Presenza do lobo ibérico (Canis lupus). Refuxios de avifauna acuática con colonias invernantes e reprodutoras.

Imaxes

Río Miño ó seu paso por Meira Vista desde o alto da Serra de Meira

Ver máis imaxes

Información sobre el documento

Concello de Meira
Concello de Meira
Plaza do Concello s/n – 27240 Meira - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 330 102 | Fax: 982 104 090
E-mail: consultas@concellodemeira.com