Fondo cabecera Concello de Meira
Inicio » Turismo » Puntos de Interese » Rutas » O Pedregal - Nacemento do Rio Miño

O Pedregal de Irimia

O Pedregal de Irimia, nacemento do Miño, é un enclave hidrográfico natural situado na ladeira oeste da Serra de Meira, a 3 quilómetros da vila.

O Pedregal é similar a un río de pedras, dunhas pedras moi grandes organizadas de forma curiosamente natural, coma un funil.

A súa extensión é de aproximadamente 700 metros e ó final deste funil apréciase un pequeno regato de auga, do que se pode dar coñecemento se un se sube ás súas pedras e escoita con atención o murmuro da auga, xa que non se ve correr debido ó taponamento das pedras.

Esta auga nace de numerosas fontes repartidas ó longo de toda a Serra, e en concreto, unha delas situada no alto do Pedregal, lugar onde a auga de todas elas se xunta, formando xa o comezo do Miño que abastece de auga a Meira e a toda Galicia.

Durante moito tempo existiu unha gran polémica sobre se o nacemento do Miño se atopaba no Pedregal de Irimia ou na lagoa de Fonmiñá, no Concello da Pastoriza.

Esta lagoa é unha afloración de augas profundas, vencellada a procesos cársticos e/ou hidrotermais que xorde máis abaixo do nacemento do Miño. Esta é a conclusión á que chegaron expertos en hidrografía, despois de introducir medidores para comprobar a profundidade das fontes e así concluíron que, tanto a Serra como o Val de Meira, están situados sobre unha gran balsa de auga e que, por iso, nace auga en diferentes puntos, un deles, a lagoa de Fonmiñá.

O Pedregal é un lugar especial: maxestoso, dominante, emocionante... É coma un rego de pedra, en forma de funil, situado no alto do monte, como vixiando todo o val que desde el se divisa, que se estende ó pé das rochas.

As rochas parece que fosen colocadas alí por unha man humana e non por fenómenos puramente naturais.

Situarse no Pedregal de Irimia proporciónalle ó visitante unha sensación especial... de puro contacto coa Naturaleza.

Nas inmediacións do Pedregal existe unha área de recreo para facilitar a estancia das numerosas persoas que acoden a este lugar a comungar coa Naturaleza, a comprobar que aínda é posible poñerse en contacto coa Nai Terra en lugares tan singulares coma este.

Descarga do arquivo

Información sobre el documento

Concello de Meira
Concello de Meira
Plaza do Concello s/n – 27240 Meira - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 330 102 | Fax: 982 104 090
E-mail: consultas@concellodemeira.com