Fondo cabecera Concello de Meira

Río Neira

É un río con gran riqueza piscícola e ecolóxica e famoso polas súas codiciadas troitas, esconde nas súas vertentes magníficos bosques de carballos, castiñeiros e abidueiras, onde atopa refuxo unha numerosa e variada fauna.

Nace na Serra do Portelo e ten 56 quilómetros de lonxitude. As súas fontes, a 940 m. de altitude, están situadas na Fontaneira e O Cádavo (Baleira).

A súa cunca abrangue uns 830 quilómetros cadrados, e está flanqueada por diversas serras, que a separan das cuncas veciñas: ó norte o Monciro e a Serra do Mirador son a divisoria coas augas da Terra Chá, e o bloque de O Corgo sepárao do río Chamoso. Do río Eo sepárana os montes de O Cádavo, e do Navia, a Serra do Portelo e a da Pena do Pico ó leste. Polo sur, a Serra do Oribio é a divisoria co río Lor, e a Serra de Edramo, a que a separa do Cabe.

No seu curso alto orixina os vales de Neira de Rei e Baralla, nos que se encaixa fortemente, abríndose no val de Xusá. Dende a Pobra de San Xiao ata a súa desembocadura discorre suavemente. Entre Láncara e Carracedo recibe pola esquerda ó río Lamas e máis adiante ós seus dous principais afluentes, o Tórdea e o Sarria. Desemboca pola marxe esquerda do Miño, na confluencia dos Concellos de Portomarín, O Páramo e Láncara.

O Neira recibe pola dereita as augas do Trabazas, Val Pedroso; Mazuco, A Pena, Xenil; Guimarei, Basille, A Cabaleira, A Aspara, O Val, O Novo, Obira e o río Tórdea.

E pola esquerda, os regatos de Busto, Furco, O Souto, A Pena do Gato, As Veigas, Covo, Toanzos, Couso, Armeá, Regueiras, Cantaral, Castañeiras, Batán, Vigo da Fonte, Conde e o río Sarria.

Valores Ecolóxicos

Na zona do río que transcorre polo municipio de Baralla abundan as formacións de monte baixo, composto por xestas, uces e toxeiras que tapizan as vertentes sollías dos montes, ocupando grandes extensións, e é sobrevoado por aguiluchos e ratoneiros.

A explotación forestal é importante, ocupando os piñeiros de repoboación amplas superficies, restando así protagonismo e espazo ás especies autóctonas.

A cegoña, nidificante na comarca e moi aprezada polos veciños, aumentou moito, polo que en algún sitio se tiveron que instalar niños artificiais.

Tamén é posible escoitar o ulular do escaso bufo real, e divisar aguias reais, culebreiras e outras rapaces.

Os grandes mamíferos abundan neste sector, baixando en ocasións lobos e xabarís a alimentarse ó val. O corzo é unha especie en ampla expansión.

A lontra está tamén presente no Neira, así coma outros mustélidos como a marta, porco teixo, garduña e donicela tamén son frecuentes.

Aproveitamentos socioeconómicos

Ao longo dos tempos o río foi un elemento importante no desenvolvemento dos pobos. Á súa beira instaláronse muíños, mazos, fixéronse arcas para a pesca, calzadas para regar, fábricas de luz, de papel. A particularidade destas construccións vémola no apartado dedicado á arquitectura popular.

Tamén o río contribuía ao sustento proporcionando exquisitas troitas e anguías para a alimentación dos habitantes dos lugares por onde pasa.

Información sobre el documento

Concello de Meira
Concello de Meira
Plaza do Concello s/n – 27240 Meira - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 330 102 | Fax: 982 104 090
E-mail: consultas@concellodemeira.com