Fondo cabecera Concello de Meira

Descrición socioeconómica

Meira Comarca: Meira
Norte: Riotorto
Sur: Pol
este: Ribeira de Piquín e A Fonsagrada
Oeste: A Pastoriza
Distancia á capital provincial: 34 km.
Superficie: 46,9 km2.



MEDIO NATURAL:

O municipio de Meira atópase situado ao Noroeste da provincia de Lugo, concretamente entre o reborde da Terra Chá e as Serras Orientais, o cal condiciona un relevo levemente accidentado con algúns vales como o ocupado polo río Miño.

A configuración deste relevo está determinado pola presenza de rocas sedimentarias (lousas, cuarcitas e areniscas) depositadas desde o Cámbrico ao Ordovícico e que foron deformados polo pregamento herciniano, fracturados a finais desta oronimia, arrasados no Mesozoico e desnivelados no Terciario.

Finalmente, a alternancia climática durante o Cuaternario condicionou a súa disposición e a aparición dunha erosión diferencial na Serra de Meira, a cal esténdese ao longo de doce quilómetros en dirección N-S, dividindo ao municipio en dúas metades: a occidental con alturas que oscilan entre os 450 e os 600 metros, e a oriental con altitudes entre os 600 e os 300 metros.

Os picos máis elevados son Forno do Martiño (893 m.), Teixo (866 m.) e Pena das Corbas (849 m.) A rede hidrográfica organízase en torno ás concas do Miño e do Eo. Cara ao primeiro verten as súas augas os cursos cuxo nacemento se sitúa nas ladeiras occidentais, mentres que cara ao segundo fano os das ladeiras orientais.

Climatolóxicamente, Meira presenta un clima de tipo oceánico de montaña, repartíndose as precipitacións regularmente ao longo do ano, salvo os meses de xullo e agosto, nos que se alcanza o mínimo pluviométrico.

Debido á elevada altitude media do municipio son frecuentes as precipitacións de tipo sólido, máis ou menos uns 20 días ao ano.

A vexetación clímax está representada polas frondosas, aínda que en franca regresión como consecuencia da maior rendibilidade das coníferas. Ao seu lado, amplas zonas tapizadas pola matogueira.

Desde o punto de vista edafolóxico, todas estas especies aséntanse sobre un chan de terras pardas ácedas.

Montes: Meira (896 m.), Pena de Lagoa (870 m.), Louseiras (714 m.), Teixo (866 m.), Monte Redondo e Rumareia.

Ríos: Miño, Eo.

Regos: Survial, Marchán, Rego de Feás, Porto da Pena, Riolongo.

Precipitacións: 1.400 mm.

Temperatura: 12ºC

DEMOGRAFÍA:

A súa poboación viuse minguada coa perda de superficie que supuxo a constitución en 1935 do concello de Ribeira de Piquín. Desde principios de século e ata 1950 o índice demográfico apenas experimenta cambios. A partir de 1970 ábrese un período de estancamento que, en 1991, alcanzou unha evolución negativa, en torno ao -6´9%. No entanto, este censo demográfico, con tendencia á baixa, concéntrase en apenas 27 km 2, mentres que os restantes 20 kms. correspondentes á Serra de Meira, atópase practicamente despoboada.

Analizando a estrutura demográfica por idades aparece, na actualidade, unha poboación madura con tendencia ao envellecemento, onde as persoas de menos de 30 anos representan o 26,8% do total, e a poboación envellecida representa un 28,6%. O resto (44,6 %) sería unha poboación con idades comprendidas entre os 30 e os 64 anos. Este concello ten unha idade media da poboación de 48 anos.

Repartidos entre as súas dúas parroquias, na de Meira atópase a maior densidade de poboación cun 90,34 %, mentres que na de Seixosmil habita o restante 9,6 %.

Cabe destacar que de entre a poboación de Meira un 4,72 % son inmigrantes, na súa gran maioría procedentes de Romanía e Marrocos, aínda que tamén de Bélxica, Bulgaria, Portugal, Lituania, cuba Perú e Uruguai.

SOCIOECONOMÍA:

Neste concello atópanse un total de 169 empresas que segundo a súa actividade distribúense da seguinte forma:

- Industria: 23

- Construción: 18

- Servizos: 128

Cabe destacar o escaso número de parados, a penas 51 persoas que representan unha taxa de paro do 9,4 %.

O sector industrial atópase xa desenvolvido coa implantación do polígono industrial, onde se atopan, entre outras, unha fábrica de leite e produtos lácteos. Ademais existen serradoiros, fábrica de mobles, unha fábrica de gasosa e outra de prefabricados de formigón.

Con respecto ao sector primario sobresae o gando vacún (razas frisoa e loura galega), o ovino e en menor medida, o porcino. Tamén é de sinalar o número de cabalos salvaxes que se crían nas estribacións da Serra de Meira.

A agricultura é basicamente de subsistencia (hortalizas, patacas) e de cultivos destinados á alimentación da cabana gandeira (forraxes, millo, centeo). A excesiva fragmentación da propiedade da terra é a súa principal característica.

O sector forestal cada vez é máis importante e está substituíndo o carballo e o castiñeiro polo piñeiro, de crecemento máis rápido e tamén o eucalipto. O sector servizos, é, na actualidade, o que xera maior número de emprego.

Información sobre el documento

Concello de Meira
Concello de Meira
Plaza do Concello s/n – 27240 Meira - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 330 102 | Fax: 982 104 090
E-mail: consultas@concellodemeira.com