Patrimonio do Concello de Meira
Vestixios arqueolóxicos:
Castro de Pumarín, dólmen do "Cortello da Vella", medorras de Paredes, San Martiño de Lúa, San Martiño e Monte de Piñeiro.
Patrimonio artístico:
A arte e a historia deste concello están representados polo que queda do primitivo mosteiro: un edificio con dúas ás restauradas do claustro renacentista (s. XVI) e a propia igrexa mosteiral de Santa María (monumento nacional desde 1931) de estilo románico borgoñón e consagrada no ano 1258.
Ten pranta de cruz latina; na fachada principal xa se observa a austeridade ornamental característica do seu estilo cunha sobria portada de arco de medio punto abucinado por catro arquivoltas; tamén conserva as ferraxes primitivas da porta e un impoñente rosetón decorado con tres círculos concéntricos na parte alta.
A nave central, máis alta cas laterais, que se cubren con bóveda de aresta, está dividida polos arcos faixóns en nove tramos, mentres que a nave do cruceiro cóbrese con bóveda apuntada e de nervios. As portas norte e sur están decoradas ó estilo románico ó igual que a ábsida central e as dúas absidiolas de cada lado. No interior consérvanse un sepulcro cos relevos e o escudo dos Bolaño, unha lápida abacial e varios retablos entre os que destaca o maior, de estilo neoclásico, e o do cruceiro, tamén do S. XVII. Posúe tamén unha interesante colección de alfaias sacras.
Con respecto á casa Mosteiral de estilo renacentista, destaca a portada principal coroada cun frontón recto co escudo da Orde. Do claustro das procesións, obra de Juan de la Sierra, consérvase un tramo sobre a porta que dá á nave sur e do claustro renacentista pódese ver só unha á.
Ademais deste monumento nacional, é necesario citar a capela de Paredes, de planta rectangular, e a de Vilar de Mouros, tamén chamada "Ermida de San Pedro".
Igrexas:
Mosteiro de Santa María de Meira (S. XIII).
Capelas:
Capelas de San Isidro de Paredes (S. XIX), San Pedro de Vilar de Mouros, Nosa Señora das Dores de Paderne e San Roque (no cemiterio parroquial).
Pazos - Casas:
Casa Mosteiral de Meira.



