Lendas do Pedregal de Irimia e de Meira
Contan as lendas acerca do nacemento do Miño, que naquelas terras vivía unha vella meiga chamada Irimia que se levaba mal cos monxes do convento. Un día, mentres vixiaba o seu gando foron os monxes a cobrarlle os impostos que nunca pagaba, e ela para se defender comezou a tirarlles pedras para botalos das súas leiras, polo que os monxes decidiron quedar coas súas terras ricas en fontes para manter ao seu gando.
Cartel no Pedregal de Irimia
A feiticeira botoulles un meigallo e cubriu o nacemento do Miño con pedras moi grandes ata o fondo da súa leira, para que non puideran ir á auga. “Nunca poderedes probar a primeira auga deste río porque é miño”. É por iso que o Pedregal lle da nome o nacemento do Miño, no “Pedregal de Irimia”.
Outra fala duns homes pecadentos convertidos en pedras e que agardan a redención das súas almas coas augas limpas que alí nacen.
Unha lenda relacionada coa igrexa e en concreto coa imaxe de S. Bieito que no seu retábalo aparece a imaxe dun corvo cun anaco de pan no peteiro, di que san Bieito cumpría e facía cumprir unha regra moi estrita, polo que suscitaba certo rexeitamento entre a súa comunidade, polo que nunha ocasión servíronlle un bolo de pan envelenado. San Bieito adoitaba dar de comer no peitoril da ventá da súa cela a un corvo nos seu longos xaxúns. Ese día o corvo arrebatoulle o anaco de pan envelenado para que el non o comese salvándolle así a vida.
O Pedregal de Irimia nevado
Existe tamén un estudo que di que o pobo e a serra de Meira se atopan sobre unha enorme balsa de auga. Que desa balsa é de onde afloran as fontes e entre elas a do nacemento do Miño. Este é o motivo que provoca a gran cantidade de pozos que hai no concello, e que levaba a confusión co nacemento do Miño en Fumiñá, debido a que a corrente subterránea que se alí se demostrou provocaba dubidas e afloramentos de bolsas de aire.
Ademais, tamén se acusa a isto, a gran humidade que invade todo o val e que ten provocado máis dun asolagamento dos cimentos de edificación nalgún dos bloques de edificios construídos, e tamén os continuos dragados que había que realizar cada vez que se facía unha escavación.



