A música no Concello de Meira
A Escola de Música de Meira fundouse no ano 2002 para cubrir a demanda de actividade musical solicitada neste Concello.
Comezouse ofertando clases de linguaxe musical, clarinete, saxo, trompeta, piano e gaita, pero na actualidade impártense doce especialidades e conta cun total de seis docentes.
No curso 2007-2008 o total de alumnos foi de 84, aínda que algúns deles estiveron matriculados en máis dunha especialidade. Delas, as de maior número de participantes son: a de gaita con 23 alumnos, acordeón con 19, clarinete con 15 e saxo con 13 alumnos.
A Escola de Música e a Banda Municipal regularizáronse no ano 2008, xa que se aprobou o "Regulamento da Escola e Banda Municipais de Música de Meira" e legalizouse a contratación dos mestres.
Banda de música municipal de Meira
Banda de música infantil de Meira
Nesta escola trátase de ensinar os elementos básicos da Linguaxe Musical, adquirir as capacidades precisas para interpretar as obras, dominar o vocabulario propio da linguaxe musical, participar en actividades dentro e fóra da aula e preparar aos alumnos para o acceso ao Conservatorio Profesional de Música.
No ano 2008 realizáronse varias actividades como foron os recitais de Nadal e primavera, o recital de fin de curso, as audicións das diferentes especialidades, os intercambios con outras escolas, os concertos didácticos realizados por profesores e alumnado e os concertos da Banda de Música e da Banda de Gaitas.
Para facilitar o acceso do alumnado a esta escola, o concello posúe un fondo de instrumentos musicais formado por: 9 clarinetes, 6 saxofóns altos, 3 saxofóns tenores, 1 saxofón soprano, 4 trompetas, 1 tuba, 1 trombón, 2 pianos, 4 frautas traveseiras e 1 acordeón baixo. Ademais, no Centro dispoñen tamén dun bombo, unha caixa, un xogo de pratos de choque, dous pares de baquetas de caixa e un piano acústico, unha batería e outros instrumentos de pequena percusión como maracas, triángulos, etc.
Os prazos e condicións de matrícula expóñense a coñecemento público con antelación ao comezo do curso académico, dos que se poden informar no Concello.
Banda municipal de gaitas
Banda municipal de acordeóns
Ademais, no Concello de Meira existen as seguintes agrupacións musicais:
- Banda municipal de música.
- Banda municipal de acordeóns.
- Banda municipal de gaitas.
- Nove Ferreñas (pandereteiras).



